Saturday 04 de May de 2024

A Xunta inicia o Plan de Formación Continuada para o persoal de Servizos Sociais cun curso sobre novidades normativas en materia de discapacidade


Ao redor de 30 directores e traballadores sociais de residencias de maiores participaron hoxe nesta primeira xornada formativa do plan que contará con 300 actividades e chegará a 10.000 profesionais

A Xunta de Galicia iniciou hoxe o Plan de Formación Continuada para o persoal de servizos sociais cun curso sobre novidades normativas en materia de discapacidade. O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, asistiu a esta xornada, que tivo lugar no centro Torrente Ballester da Coruña e na que participaron ao redor de 30 directores e traballadores sociais de residencias de maiores.

Este curso celebrado hoxe na cidade herculina contará con dúas xornadas de formación, a seguinte celebrarase o próximo mércores e dará continuidade ao impartido hoxe. Así mesmo, a sesión desta mañá centrouse na recente entrada en vigor da Lei 8/2021, pola que se reforma a lexislación civil e procesal para o apoio a persoas con discapacidade no exercicio da súa capacidade xurídica.

Ademais de celebrarse na Coruña, este curso tamén se impartirá nas outras tres provincias. Organizarase tanto para profesionais de residencias de maiores como para os de centros de discapacidade.

Máis de 6000 horas de formación
Fernando González Abeijón puxo en valor o Plan de Formación Continuada, que chegará a preto de 10.000 profesionais e estará conformado por 300 actividades e máis de 6000 horas. Este plan permite atender as dúbidas e formar os profesionais dos diferentes centros nas técnicas máis avanzadas. Os contidos deles irán desde novidades normativas ata aspectos máis tecnolóxicos ou sociais.